Monday 13 de May de 2024

O alumnado da Escola Municipal de Música Magariños de Brión encheu o polivalente no seu tradicional Concerto de Entroido


Máis dun cento de veciños e veciñas de Brión encheron o salón de actos do centro social polivalente para asistiren ao quinto Concerto de Entroido dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música Magariños. Por unhas horas, os pequenos deixaron a música clásica a un lado e se entregaron á música de Entroido e pezas infantís.

A actuación estivo protagonizada polos pequenos de Música e Movemento, moitos deles caracterizados para a súa actuación, como o grupo dos máis pequenos que cantaron “A galiña Turuleta” disfrazados de polos, ata outros que viñan disfrazados e maquillados para cantar pezas como “Aí vén o Carnaval” ou outras pezas de baile, que fixeron as delicias do público presente. Este V Concerto de Entroido da Escola Municipal de Música Magariños contou coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación Provincial da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.